Skip to main content
Blog

Que papel ten a universidade no camiño da inclusión?

By 02/03/2020No Comments

As institucións universitarias constitúen o berce do coñecemento e pensamento crítico. Lonxe de ser entidades herméticas, achegarse á sociedade e compartir os ditos coñecementos debe ser unha das súas prioridades. A Universidade da Coruña (UDC) destaca en iniciativas de divulgación e innovación docente, ademais de ter unha clara acción social.

Neste camiño, e como bos compañeiros de viaxe, a UDC e ENKI atopáronse grazas ás accións de voluntariado de profesoras e estudantes de ciencias da saúde. Esta andaina converteuse, en pouco tempo, nun proxecto de Aprendizaxe – Servizo, realizado desde unha materia do Grao en Terapia Ocupacional.

Nesta simbiose, os estudantes ofrecen varios servizos á Fundación Abrente, impulsora do proxecto ENKI, como a participación activa nas xornadas de “Ponte no meu lugar” con centros escolares, os entrenamentos adaptados en ximnasio e piscina para adultos con diversidade, ou a organización dun encontro lúdico-deportivo inclusivo en fin de semana.

Por outra parte, á vez que realizan estas accións, o proxecto de Aprendizaxe – Servizo está deseñado para que os estudantes poidan ir adquirindo as competencias básicas da materia e, por extensión, dos estudos de Terapia Ocupacional, completando a súa formación. Esta aprendizaxe comunitaria e práctica é moito máis rica ca calquera clase na aula.

O camiño continúa e, lonxe de tomar destinos diferentes, esta unión faise máis forte. Trala sinatura dun convenio de colaboración entre a Fundación Abrente e a UDC e o lanzamento do primeiro concurso de obstáculos na pasada edición da carreira pola inclusión ENKI, a ilusión perdura. Actualmente están a punto de emerxer novos proxectos que terán como fío condutor a implantación dunha oferta de deporte inclusivo dentro da Universidade.

“ENKI no Camiño” é un paso máis deste percorrido. Nel, alumnas do grao de Terapia Ocupacional, estudantes do Programa Espazo Compartido e todo o equipo que forma ENKI viaxarán xuntos, superando obstáculos e construíndo unha relación duradeira.

estudantes terapia ocupacional en enki

O alumnado do grao de Terapia Ocupacional colabora habitualmente nas actividades de ENKI.