
“ENKI no Camiño” é o novo proxecto de ENKI e Fundación Abrente para contribuír á visibilización e sensibilización da diversidade funcional e do deporte adaptado. É unha iniciativa moi especial porque levaremos os nosos valores ao Camiño de Santiago. Así, faremos en bicicleta sete etapas do Camiño Francés, con saída en León o sábado 7 de marzo e chegada a Santiago de Compostela o venres 13 de marzo deste 2020.
Súmate e fai o Camiño con nós
“ENKI no Camiño” quere reunir a persoas con e sen diversidade funcional para superar xuntos o Camiño e, durante o percorrido, compartir experiencias e unha viaxe única. O noso Camiño está aberto á participación de todas aquelas persoas que o desexen. Entidades sen ánimo de lucro e os seus usuarios, persoas aventureiras e solidarias, amantes da bicicleta e da natureza, ti que nos estás lendo e xa ías facer o Camiño pero agora decides acompañarnos facendo voluntariado…
Pedaleamos xuntos pola inclusión? Súmate! Só tes que cubrir o formulario desta web e se tes algunha dúbida escríbenos a info@fundacionabrente.org.
“ENKI no Camiño” é un proxecto beneficiario do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia que ten como obxecto a divulgación do Xacobeo 2021.