
Do 7 ao 13 de marzo terá lugar ENKI no Camiño, unha iniciativa subvencionada polo programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia que levará os valores de ENKI ao Camiño de Santiago a través de 7 etapas do Camiño Francés en bicicleta. Neste camiño inclusivo participan tanto persoas con diversidade funcional como persoas voluntarias sen discapacidade. O nexo común: superar xuntos calquera dificultade e facer visible o deporte adaptado.
Neste artigo resolvemos algunhas dúbidas sobre bicicleta, transporte, seguridade e participación.
En que bicicletas se fará o Camiño?
- As persoas con diversidade farán uso de handbikes (bicicletas de man de montaña), tándems (diante irá a persoa con diversidade funcional e detrás, co guiador, a persoa sen diversidade) e joëllete (cadeira adaptada para a que se precisan tres persoas – dúas voluntarias e unha con discapacidade-).
- As persoas voluntarias levarán a súa bicicleta, preferiblemente de montaña, aínda que o Camiño Francés permite ir por estrada en gran parte do traxecto. Se queres vir de voluntario pero non tes bicicleta, escríbenos coa túa situación a info@fundacionabrente.org e buscaremos solución.
- Bicicletas eléctricas. Como queremos que participe calquera persoa sexa cal sexa a súa condición física, alugaremos bicicletas de montaña eléctricas.
Pódese facer a pé?
ENKI no Camiño está pensado para facer en bicicleta pero haberá un grupo de persoas non deportistas ou con condicións físicas que non o permitan, e nenos e nenas que farán tramos de 10 quilómetros camiñando. Este grupo comezará na saída de cada etapa, facendo o resto do percorrido en coche. Logo, unirase para chegar a meta todos xuntos.
É un Camiño accesible e seguro?
- En cada unha das 7 etapas temos marcadas alternativas no Camiño máis accesibles para poder ir todos xuntos e puntos críticos nos que reforzaremos a seguridade.
- Acompañarannos dous furgóns de apoio con material.
- Levaremos casco e roupa visible.
- Cada deportista en hanbike irá acompañado, preferentemente, por dúas persoas voluntarias. Por iso te precisamos!
Onde imos durmir?
- Como bos peregrinos, aloxarémonos todos xuntos en cada etapa.
- Tendo en conta que somos un grupo numeroso e os problemas de accesibilidade habituais en albergues, imos aloxarnos en casas rurais. Sabemos que non todas terán habitacións adaptadas pero, sendo gran parte dos participantes deportistas e contando con voluntarios, ese non será problema!
Hai transporte ata León?
- O venres 6 de marzo saímos cara a León en varias furgonetas e coches con todo o material.
- Xestionamos e coordinamos o traslado de todas as persoas participantes co obxectivo de non acumular vehículos.
- Se te incorporas a outra etapa, unha vez comezado o Camiño, deberás chegar ata ese punto de partida.
Hai que facer todas as etapas?
- Tanto os participantes con diversidade funcional como para voluntarios, poden empezar na etapa que o desexen.
- Podes comezar nun punto concreto e rematar en Santiago (se comezas en Sarria levarás a Compostela) ou facer algunha etapa solta para vivir parte da experiencia.
Que debo levar na mochila?
- Roupa de abrigo, luvas e gafas.
- Calzado usado co que xa camiñaras quilómetros.
- Roupa de ciclismo para os peregrinos en bicicleta, sobre todo pantalóns acolchados para amortiguar o impacto da sela da bicicleta.
- Auga e algo de comida.
- GPS (opcional).
Son unha persoa con diversidade funcional, podo ir soa?
Claro! Podes participar tanto soa como con acompañante. Iso si, enche o formulario canto antes porque hai poucas prazas para persoas con diversidade funcional debido á limitación de material do que dispoñemos.
Como podo ir de voluntario?
Se queres vir de voluntario debes encher o formulario que atoparás nesta web enkinocamino.com, indicando en que etapa queres comezar, en función da túa dispoñibilidade.
Agardamos ter contestado moitas das preguntas que xorden sobre ENKI no Camiño. Non obstante, se aínda tes algunha dúbida escribe a info@fundacionabrente.org. Súmate!