Skip to main content
Blog

O CAMIÑO DE SANTIAGO DE PEDRO: UN SOÑO QUE REIVINDICA A SÚA LOITA POLA INCLUSIÓN

By 28/02/2020No Comments

A historia de Pedro é unha desas historias que te deixan sen palabras. Unha historia de forza e superación na que as ganas puideron con todo.

Pedro naceu con parálise cerebral e pasou moitos anos entre médicos e quirófanos. Estivo ata os 5 anos en cadeira de rodas, pero a súa vida cambiou radicalmente cando descubriu o deporte. Ao principio a seus pais dáballes medo, pero Pedro pouco a pouco demostroulles que o único que quería era sentirse un máis, sen sobreprotección e sen vantaxes, simplemente un neno máis.

Agora xa ninguén pode separalo da súa bicicleta adaptada. Pedro adora sentir o vento mentres pedalea, participar nas carreiras e, sobre todo, sentirse un máis xunto aos seus compañeiros e amigos. E xa chegou a percorrer 10 quilómetros! O deporte non foi soamente a súa terapia de rehabilitación física, senón que tamén supuxo unha forma de inclusión social. Como di súa nai Eva “agora está con nenos da súa idade, aprende deles e comparten experiencias xuntos”. E isto é o que fai máis feliz a Pedro.

Con todo, hai algo contra o que seguen loitando día a día: as limitacións e as barreiras. Os organizadores das carreiras obrigan a Pedro a participar nas categorías especiais (nas de nenos que teñen a súa idade mental, aínda que sexan moito máis pequenos ca el) ou incluso, en moitas ocasións, non lle deixan participar debido a que o seu material está adaptado. Pero Pedro só quere ser un máis e tanto el como a súa familia están dispostos a loitar para derrubar esas barreiras.

Da súa loita naceu o Club ENKI, no que facilitamos o acceso ao deporte de cativos e adultos sexa cal sexa a súa condición. Aquí non existen as diferenzas, todos temos algo en común: unha gran paixón polo deporte e o obxectivo de conseguir a plena inclusión social. Entre outras actividades, organizamos a Carreira ENKI Galicia, unha carreira inclusiva, non competitiva, coa que pretendemos visibilizar a situación das persoas con diversidade funcional e o deporte adaptado.

Apoio de Cola-Cao

En ENKI queremos chegar máis lonxe e cumprir un gran soño: facer todos xuntos o Camiño de Santiago. Queremos demostrar que se equivocan os que nos dixeron que o Camiño é unha aventura que non está feita para todos.

Grazas ás bolsas Vamos Cola-Cao, cuxo obxectivo é ver os soños cumpridos de mozos e mozas deportistas, Pedro contará cunha bicicleta de montaña adaptada para participar en ENKI no Camiño.