
“ENKI no Camiño” reunirá a persoas con e sen diversidade funcional para facer o Camiño de Santiago en bicicleta desde León a Compostela. Cando? Do 7 ao 13 de marzo deste 2020.
Con esa iniciativa sensibilizamos sobre a diversidade funcional, facemos visible o deporte adaptado e trasladamos os valores de ENKI a un novo e ilusionante proxecto. Se ti tamén queres formar parte deste proxecto social e deportivo, podes facelo como voluntario ou voluntaria.
Vivir a experiencia do Camiño xa nos parece motivo suficiente, pero imos darche máis motivos para sumarte a facer voluntariado en “ENKI no Camiño”:
- Coñecer xente nova e compartir momentos únicos.
- Vivir o espírito ENKI (familia, festa, diversión).
- Gozar da natureza e do patrimonio que nos ofrece o Camiño Francés desde León a Compostela.
- Ou gozar desde o punto que elixas. Podes unirte ao Camiño na etapa que queiras pero ten en conta que obterás a Compostela se comezas, como mínimo, en Sarria.
- Facer deporte e desconectar durante uns días, mellorando o teu benestar.
- Superarte a ti mesmo, demostrando que con esforzo e ganas, podes comer o mundo (¡ou polo menos chegar a Santiago!).
- Pasar unas vacacións diferentes. Quizais tes unha semana de vacacións en marzo e ningún plan á vista, polo que facer o Camiño é unha opción ben interesante.
- Apoiar ás persoas con diversidade funcional no logro do seu soño.
- Axudarnos a superar barreiras, físicas e mentais.
- Obter a Compostela!
- Ter un recordo inesquecible.
Ocórrenseche máis motivos para pedalear con nós? Súmate!
Para participar debes cubrir o formulario desta web e se tes algunha dúbida podes escribirnos a info@fundacionabrente.org.
“ENKI no Camiño” é un proxecto beneficiario do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia que ten como obxecto a divulgación do Xacobeo 2021.