
E agora si, xa podemos berrar ben forte que cumprimos o noso soño! Aínda nos resulta incrible porque desde onte, cando completamos a etapa final do Camiño de Santiago, vivimos nunha continua montaña rusa de emocións e sensacións novas.
A última etapa deste ENKI no Camiño era a máis curta pero quizais a máis intensa de todas. Saímos do Monte do Gozo cando nos deixaron os nervios. Ao chegar á zona de saída puidemos ver todo o apoio e seguridade co que contabamos para este último tramo: grazas á Policía Local e a Protección Civil por coidarnos tanto e acompañarnos sempre.
E… sorpresa! Antes de saír e arrancar con todo o equipo apareceu Javier Gómez Noya, un referente para todos nós e un dos mellores deportistas do noso país. Foi unha gran sorpresa para todos e unha inmensa honra poder chegar á praza do Obradoiro ao seu carón.
Fomos camiñando e aproveitando os últimos quilómetros de convivencia, de conversas, de diversión… E pouco a pouco, chegamos á sempre fermosa Compostela. Percorremos as súas rúas empedradas e foron moitos os que se achegaron a darnos ánimo e a felicitarnos por esta aventura. Pedro xa non sabía a onde mirar! Tanta emoción por chegar, xunto cos moitos estímulos que percibía ao seu redor, facían que estivera coma nunha nube flotando.
Os últimos metros foron moi emocionantes. Cansos pero gastando as últimas enerxías en animar a Pedro para que seguirá pedaleando ata chegar á liña de meta. Ver alí aos seus pais e ao seu equipo apoiándoo sen parar, fixo que o último impulso que lle faltaba, aparecera de súpeto para poder conseguilo.
Apertas, saltos de alegría, bágoas… a nosa emoción era desbordante. Superamos xuntos este reto e vivir ese momento foi o maior dos premios.
Desde ENKI queremos darlle as grazas a Colacao por facer posible este soño a través das súas Becas Vamos. Con estas axudas contamos cunha handbike para Pedro e dúas joelettes para o equipo e facer así un camiño máis inclusivo. Por suposto, ao programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia, que apoiou ENKI no Camiño como unha das iniciativas para promover o Xacobeo 2021.
Tamén a todos os xornalistas que lle deron cobertura a esta historia; ás forzas de seguridade que nos axudaron; á xente que nos fomos atopando no camiño e nos deron alento para seguir; e, sobre todo, grazas a todas as persoas que facedes que a familia de ENKI siga superando retos e alcanzando soños. Vós sodes o verdadeiro motor. Grazas por vivir con todos nós este ENKI no Camiño. Perdurará na nosa memoria toda a vida. Oxalá poidamos repetir a experiencia!