
E aquí estamos de novo, contando esta sexta etapa que, sen dúbida, foi a máis dura e difícil de todas. Rematamos tremendamente cansos, exhaustos, e case sen forzas para baixar das bicicletas. Pero conseguímolo! Chegamos ao Monte do Gozo!
Saímos de Palas de Rei moi cedo, adiantando todo o tempo posible. Xa sabiamos que nos ía facer falta para aguantar toda a xornada. O día foi durísimo e o único momento de descanso foi na hora de xantar, cando paramos en Arzúa a comer o polbo á feira de Melide. Aproveitamos ese cachiño para estar xuntos, facer balance desta aventura que remata mañá e crear un debate entre todos nós sobre as cousas que nos levamos deste Camiño.
En canto rematamos, volvemos arrancar porque quedaba o peor tramo da etapa. Xa lle chaman “a rompepernas”. Pois imaxinade facelo todo cos brazos, coma os nosos deportistas! Alucinante!
Moitos quilómetros, moitísimos esforzo. E, como supoñemos lle pasaría a máis peregrinos (esperamos non ser os únicos!), tivemos un erro na orientación que nos fixo ir cara á Santiago e ter que dar volta para cambiar a ruta. Equivocámonos nas indicacións e por iso fixemos distancia de máis. Colleunos a noite e a temperatura non deixaba de baixar. Cando por fin conseguimos chegar á meta de hoxe, non o podiamos crer! O día de hoxe foi unha proba de alta esixencia.
Queremos agradecer a todas as persoas que estades apoiando este proxecto. Os vosos ánimos foron fundamentais para seguir e non abandonar nos momentos duros.
Estamos un pouco illados facendo este Camiño inclusivo de conexión entre nós e coa natureza pero, obviamente, informándonos sobre o coronavirus. Hoxe, con motivo das medidas de contención tomadas pola Xunta de Galicia polo Covid-19, cancelouse a actividade de sensibilización de Enki no Camiño.
Tamén se desconvocou ás organizacións, colexios e asociacións que ían facer con nós mañá a última etapa con chegada a Santiago. Na última etapa ían participar persoas do centro de recursos de Medelo (COGAMI), Aspace Coruña, Alcer Coruña, estudantes de Espazo Compartido da Universidade da Coruña, e alumnado dos colexios CEE Nuestra Señora del Rosario, CEIP Mestre Rodríguez Xixirei de Lavacolla, CPI Antonio Orza Couto e La Salle. Estamos seguros de que será noutra ocasión e, de verdade, que vos agradecemos moito o voso cariño e apoio durante todo este Camiño. Pero agora o máis importante é o benestar de toda a cidadanía e a seguridade de toda as persoas que colaborades con nós.
Despois de ter vivido unha experiencia incrible e marabillosa mañá chegaremos á meta xuntos, como equipo. Entrar xuntos na Praza do Obradoiro será o noso premio e recompensa. Un soño cumprido.
Mañá é o gran día, chegamos á Catedral de Santiago!