
Hoxe espertamos dunha forma moi especial. O diario El Progreso publicou unha reportaxe falando de ENKI no Camiño e do proxecto que se está levando a cabo xunto coas Becas Vamos de Cola-Cao a favor da inclusión e da participación das persoas con diversidade funcional no mundo do deporte. Toda unha honra ler un traballo tan coidadoso e feito con tanto agarimo para dar a coñecer esta iniciativa! Así que coa emoción, custounos arrancar á hora que tiñamos pensado marchar. Pero nada que non teña solución cun bo equipo cargado de enerxía.
Saímos de Sarria con novas incorporacións e moitas ganas de afrontar os 47 quilómetros que quedaban por diante ata chegar a Palas de Rei. Durante o primeiro tramo atravesamos xuntos unha carballeira abraiante que atopamos ao noso paso. Pouco a pouco, fomos diferenciando ritmos e acabamos facendo dous grupos.
Paramos en Portomarín e comemos na praza da vila, aos pés da igrexa. Aínda non podemos crer o tempo que estamos tendo… moito sol e calor. De feito, a crema solar é unha máis do equipo! Non a esquezades na vosa mochila de peregrinos. Palabra de case expertos! A parada foi pequena xa que queriamos facer todos xuntos o tramo final e, polo tanto, había que poñerse en marcha canto antes.
Quedaban 10 quilómetros por diante para desfrutar do río Miño, da Ribeira Sacra, das paisaxes da zona (son espectaculares!) e das conversas e xogos que van xurdindo no día a día entre todos nós. Chegamos a Palas de Rei aínda con folgos, pois tiñamos as actividades de ENKI no Camiño coas persoas que se achegaron a coñecernos. A verdade é que queremos agradecer tantas mostras de cariño e apoio, xa que son moitas as persoas que nos recoñecen ao noso paso e nos animan a continuar camiñando.
E parece mentira pero isto vai chegando ao seu fin… Mañá xoves afrontamos a penúltima etapa desta aventura vital que temos a sorte de estar gozando todos xuntos. Que nervios!