
Este Camiño nunca deixará de sorprendernos. Cando xa pensabamos que non podía haber paixases máis fermosas, espazos naturais tan incribles ou lugares con tanto encanto… Chegou esta cuarta etapa para deixarnos a todos coa boca aberta.
Aínda que tivemos algún contratempo e a saída desde o Cebreiro se retrasou un pouco, collemos o ritmo moi rápido. Xa se vai notando a experiencia que imos adquirindo día a día.
Comezamos a primeira parte da etapa en dous grupos, ata chegar a Triacastela. Unha vez alí, xa nos xuntamos todo o equipo e seguimos coa ruta ao mesmo ritmo. Unhas paisaxes incribles. Camiñando ao carón do río, un tempo extraordinario e unha visión primaveral alucinante dos montes galegos. Árbores centenarias, un montón de vexetación, fauna salvaxe… Para nós, foi a etapa máis espectacular do que levamos de Camiño se falamos de beleza natural.
Aínda que había dúas alternativas, decidimos ir cara á Samos para poder ver o mosteiro. É un pouquiño máis longa a etapa pero paga a pena! De feito, xa decidimos parar alí a comer todos ao aire libre e recuperar forzas.
Xa nos últimos 12 quilómetros decidimos volver facer dous grupos para poder graduar a intensidade do tramo. Aínda que había unhas pendentes e unhas costas moi pronunciadas e de gran esixencia, Pedro conseguiu chegar na súa bicicleta de montaña á igrexa de Santa Mariña de Sarria. Xa podedes imaxinar a emoción do momento!
Fomos recibidos polo propio alcalde de Sarria, Claudio Garrido, e tamén polo presidente da Asociación de Amigos do Camiño De Santiago na Comarca de Sarria. Toda unha honra compartir este final de etapa con eles, xa que nos aconsellaron sobre que ver, onde comer e que facer na súa fermosa vila. Estamos moi agradecidos polos ánimos e o seu apoio a esta aventura.
Ata aquí o máis destacado do día de hoxe. Sen dúbida, quedamos con moi boas sensacións desta xornada. Supuxo un grande impulso gozar de tantos espazos naturais novos xunto a un gran equipo! Ata a próxima!