
Día 3 superado. Pasiño a pasiño, cada día estamos máis cerca de cumprir este soño. Practicamente estamos no ecuador desta aventura e, aínda que a etapa de hoxe foi dura, a xornada pagou a pena por todo o bo que vivimos hoxe todos xuntos.
Partimos de Ponferrada coas pilas cargadas e coa mirada posta no Cebreiro. Uns 60 quilómetros por diante, pero os máis impoñentes eran os do tramo final. O clima hoxe foi espectacular. Un sol radiante desde o comezo e unha sensación primaveral moi fermosa.
Os montes en flor, os camiños cheos de vida, as vistas, as montañas… Un agasallo incrible da natureza. Cada charco que atopabamos no camiño era unha oportunidade para Pedro de mollarnos a todos e gozar coa velocidade!
A etapa de hoxe foi moi familiar, xa que tivemos tempo de parar a xogar pequenos e maiores, de ir falando uns cos outros e de compartir momentos moi especiais todos xuntos.
Fixemos un parada técnica en Valcárcel para comer. A partir de aí comezamos coa parte máis complicada: a subida ao Cebreiro. Moi dura pero tremendamente fermosa. Ao principio da subida había moitos nervios por se non eramos capaces de conseguilo… Pero, como sempre, seguimos adiante con forzas e ilusión! Esta etapa será inesquecible para todo o equipo. Emoción, choros, risas, saltos de alegría…
Finalizada a etapa, xa pola tarde, achegámonos á Casa da Cultura do Cebreiro, onde se facían as actividades de Enki no Camiño (globoflexia, manualidades, talleres de “Ponte no meu lugar”…). Tivemos a oportunidade de compartir un ratiño con Isaías Calvo, director da Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago. El mesmo puido probar as handbikes coas que os nosos deportistas están facendo as etapas.
Agora toca descansar e coller forzas para mañá. Que instantes tan especiais e canta emoción! Ata a próxima!