Skip to main content
Blog

ETAPA 2 DO CAMIÑO DE SANTIAGO: DE ASTORGA A PONFERRADA

By 08/03/2020No Comments
neve na etapa 2

Segundo día de ENKI no Camiño. Este domingo 8 de marzo, día da Muller, continuamos o Camiño de Santiago dirección Ponferrada.

Se a de onte foi a etapa da ilusión e dos nervios, hoxe foi a da aventura. Un día repleto de sorpresas, de imprevistos, de solucións e de moitos momentos especiais.

Saímos de Astorga moi cedo, sen saber se o tempo ía acompañarnos ou non, xa que pola mañá o día amenceu bastante nubrado. Dirección Astorga, pero coa obriga de parar en tantas fermosas vilas que atopamos no camiño: Castrillo de los Polvazares, El Ganso, Rabanal del Camino… e moitos máis!

E cando xa fomos subindo ata o cume da montaña, atopamos unha gran sorpresa coa que non contabamos: neve no camiño e case a piques de nevar outra vez. Isto supón moito máis frío, maior esforzo nas bicicletas… pero tamén moitísima diversión, sobre todo para os pequenos. E é que Pedro nunca vira a neve, a súa cor, o tacto, a sensación de andar por riba dela. Unha vez máis, outra experiencia nova vivida en primeira persoa grazas a este camiño.

Unha paradiña técnica para recuperar forzas e seguimos avanzando. Aínda quedaban uns quilómetros de moita pendente e frío, pero conforme fomos baixando de novo a montaña, recuperamos temperatura e visibilidade. O tempo deunos unha gran tregua ao ir chegando ao destino.

Por fin, entrando na fermosa cidade de Ponferrada, cun sol radiante e co orgullo de completar outra nova etapa xuntos. A tarde de hoxe era máis completiña xa que tamén tivmos unhas xornadas cheas de actividades de sensibilización e diversión para a cidadanía no Centro de Día Flores del Sil.

Hoxe xa se nota a intensidade do que levamos feito. Algunha que outra dor muscular e moitas ganas de poder descansar ben para coller a etapa de mañá coas ganas que merece. Seguimos en ruta. Seguimos facendo camiño pola inclusión!