
Hoxe, sábado 7 de marzo de 2020, é unha data a sinalar. Comeza ENKI no Camiño, o primeiro Camiño de Santiago pola integración de ENKI.
Onte custaba durmir dos nervios pero hoxe erguerse pola mañá foi moi sinxelo. Tiñamos unha gran misión: cumprir un soño comezando esta aventura que facemos dentro do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia e da man das “Becas Vamos” de Colacao.
Tras a posta a punto de bicis, cascos, equipamento e avituallamento, saímos desde a praza de San Marcos de León destino Santiago de Compostela. Ao noso paso pola cidade foron moitas as persoas que se achegaron a nós para darnos ánimo para todos os quilómetros que quedan por diante e saber un pouco máis deste proxecto.
Pedro comezou a pedalear e todo o equipo nos puxemos en marcha, ao carón del. Unha etapa máis dura conforme avanzabamos cara a Astorga pero cun tempo extraordinario. Moito sol para combater o frío e moitas ganas de facer quilómetros xuntos.
Puidemos descansar e repoñer forzas nunha pequena vila que atopamos na ruta onde, por certo, conseguimos a famoso credencial do peregrino para poder ir selando nos lugares por onde iremos pasando. A partir de aquí, arrancamos coa segunda parte da etapa, que se fixo moito máis dura polo terreo irregular e as pendentes do camiño. Pero nada que non se poida solucionar empuxando entre varios ou tirando uns dos outros coas propias bicis.
O bonito desta etapa foi que Pedro aproveitou para probar todas as bicis posibles, facer quilómetros en todas e incluso algún que outro a pé. Xa non sabía con cal quedar porque cada unha era unha motivación extra para vivir unha experiencia nova e tamén experimentar diferentes sensacións co movemento e a velocidade.
Esta primeira etapa do Camiño de Santiago en bicicleta, de León a Astorga, foi unha etapa para ir coñecendo os nosos ritmos como equipo e ir asentando as bases para o resto do Camiño. Hoxe o descanso será moi merecido. Desexando espertar mañá para atrevernos con máis retos! Bo camiño!