
Enki no Camiño 2023: Un reto ambicioso para a inclusión no Camiño de Santiago
Enki arrinca a terceira edición de Enki no Camiño co seu reto máis ambicioso ata agora: nove etapas partindo de Roncesvalles para chegar a Santiago de Compostela. Enki no Camiño 2023 é unha iniciativa na que colaboran persoas con e sen diversidade funcional para realizar en bicicleta diferentes etapas do Camiño de Santiago coa finalidade de facer visible e sensibilizar sobre o deporte adaptado e a discapacidade. Este proxecto pretende dar continuidade ao proxecto iniciado en 2020 e novamente realizado en 2022.
A través deste proxecto, ofrécese a oportunidade de que persoas con diversidade funcional vivan a experiencia do Camiño, para o cal se presta material deportivo adaptado. De maneira complementaria, realízanse actividades de sensibilización para fomentar a inclusión, educar en valores e dar visibilidade ás persoas con diversidade funcional mediante o deporte. Durante o camiño, recóllese información en materia de accesibilidade directamente de experiencias reais das persoas con diversidade funcional. Esta recollida de datos servirá ás persoas con discapacidade e ás súas familias como recurso para facer o Camiño máis accesible e inclusivo para todas as persoas, independentemente das súas características.
En definitiva, o proxecto “ENKI NO CAMIÑO 2023” integra, co percorrido do Camiño de Santiago como ferramenta, diferentes actividades que teñen como eixo principal a inclusión, a accesibilidade e a eliminación de barreiras físicas e sociais, a sustentabilidade e o intercambio cultural, así como a posta en valor da riqueza cultural galega.
Esta terceira edición xurde un ano máis grazas ao apoio da Xunta de Galicia, e o seu compromiso coa inclusión e visibilización das persoas con diversidade funcional, mostrando unha vez máis a importancia do camiño e da visibilización. Nesta iniciativa participan persoas con e sen discapacidade, que completan en bicicleta sete etapas do Camiño Francés. Esta acción supón unha oportunidade única para os camiñantes de vencer medos e obstáculos, ademais da posibilidade de compartir experiencias e coñecer a outros peregrinos ao longo do Camiño.
Nesta ocasión, a travesía parte o día 5 desde Roncesvalles, aínda que os deportistas, á última hora, decidiron arrancar a etapa 0 desde San Xoán de Pe de Portos, partindo así do camiño orixinal que nace en Francia. O camiño compóñese de nove etapas moi esixentes que os levarán a percorrer 800 km.
Enki no Camiño conta co apoio económico da Xunta de Galicia, que destina subvencións para a realización de programas de interese xeral con fins sociais, e tamén recibiu o apoio do grupo galego Alda Hotels, que facilitou o aloxamento aos participantes nesta cidade navarra. Ademais, a cadea decidiu poñer á disposición da organización os seus establecementos en Ponferrada e no concello lucense de Palas de Rei, onde ENKI no Camiño pernoitará as noites do 10 e 12 de xuño, respectivamente.
“ENKI é froito da colaboración e do compromiso da sociedade coa inclusión. Para nós é unha satisfacción poder contar con empresas como Alda Hotels que se vinculan co noso obxectivo e nos fan o camiño á inclusión máis fácil”, subliñou a xerente de ENKI, Carmen Touza.