
Teremos un dobre reto: o deporte adaptado e a dificultade de atopar todo adaptado na vida diaria.
Ángel López, presidente de ENKI, fará o Camiño de Santiago en handbike.
Xa queda menos para ENKI no Camiño, que sensacións tes nestes días previos?
Teño moitas ganas de que chegue porque hai anos que queríamos sacar adiante este proxecto. Estou moi ilusionado.
Que expectativas tes do Camiño?
Sen dúbida, vai ser un camiño máis inclusivo. Sempre facemos carreiras de deporte que se fan nun día pero ENKI no Camiño vai xuntar ocio e deporte, unha convivencia de 24 horas de inclusión total.
Como deportistas estás acostumado a superar carreiras e retos. Que diferenza vai haber aquí?
Teremos un dobre reto: o deporte adaptado e a dificultade de atopar todo adaptado na vida diaria. Vai ser unha experiencia inclusiva tanto no deporte como na busca de aloxamento e lugares adaptados. Aínda que ao ser a primeira vez, e sabendo o complicado que está o aloxamento, imos levalo pechado.
Estás preparándote fisicamente para o Camiño?
Sigo os entrenamentos que fago para o triatlón. Ademais, as bicicletas de montaña adaptadas levan asistente eléctrico para as etapas máis duras, con desnivel. Fisicamente son moitas horas pero espero que para os que facemos deporte non supoña maior dificultade.
Como animar ás persoas que non se deciden polo difícil que poida ser?
Non todo o mundo é tan atrevido coma nós (ri). Pero diríalles que se apunten a unha etapa pequena para probar e, como pretendemos repetir experiencia, xa farán o Camiño enteiro. Por exemplo, a última etapa do venres 13 de marzo desde Monte do Gozo a Santiago de Compostela faise moi ben.
Neste Camiño imos crear vínculos entre todos e vai ser moi emocionante chegar a Santiago xuntos.
Elena Varela vai facer algunhas das etapas do camiño en bicicleta.
Que vai supoñer vivir ENKI no Camiño?
Vai ser un reto pero tamén un momento de convivencia na que compartir e conectar con todos as persoas voluntarias e coa natureza.
Como animar á xente a sumarse ao voluntariado?
Vai ser unha experiencia inesquecible. Sempre nos pasa. Cando convivimos persoas con discapacidade e persoas que non a teñen, aprendemos unhas das outras. E neste Camiño imos crear vínculos entre todos e vai ser moi emocionante chegar a Santiago xuntos.
Estás preparándote para o Camiño?
Si, obrigáronme a ir ao ximnasio dúas veces por semana (ri).
O meu fillo Pedro ensinoume que non hai que poñerse metas a longo prazo. Non vou poñerme a meta de chegar ao final, senón gozar do Camiño.
Eva Ramil é a nai de Pedro, un adolescente con diversidade funcional. Ela e a súa familia formarán un equipo para superar o Camiño.
ENKI no Camiño vai ser especial para todos. Quizais máis para aqueles que o facedes en familia. Como estades vivindo estes días previos?
Eu, ilusión e nervios a partes iguais. Os nenos están moi ilusionados pensando na aventura e non son conscientes do esforzo físico que lles vai supoñer. Obviamente preocúpame Pedro, que está acostumado a competir pero isto vai supoñer deporte durante 7 días seguidos.
Pedro vai ir nunha handbike grazas á bolsa de Vamos Cola-Cao. E o resto?
O meu marido vai ir en bicicleta co grupo dos deportistas. Pedro na handbike, a miña filla Julia en bici e eu andando no grupo que fará pequenos tramos das etapas.
Estades preparándovos para afrontar o Camiño?
Si, as fins de semana saímos a correr cos nenos en bici.
Seguro que esta experiencia vai significar moito para vós.
Claro. Nunca pensei que puidera chegar a facer isto coa miña familia. Pedro estivo moitos anos en cadeira de rodas e nunca pensei que el podería facer o Camiño en bicicleta. Cada un ten as súas razóns para facer o Camiño e todas son válidas. Para min tamén terá un significado espiritual.
A min Pedro ensinoume que non hai que poñerse metas a longo prazo. Non vou poñerme a meta de chegar ao final, senón gozar do Camiño. Iso pasoume con Pedro, estaba obcecada con que aprendera a ler que me perdía cousas como cando aprendeu andar ou comer só, que eran grandes logros. Co Camiño vai ser igual: se non podo facer todos os quilómetros, farei cinco. Pero eses cinco quilómetros vounos desfrutar a cada paso.
Todas as persoas que queiran participar en ENKI no Camiño debedes cubrir o formulario desta web. Se tes algunha dúbida, temos publicadas estas preguntas frecuentes e tamén podes escribir un correo a info@fundacionabrente.org.