Skip to main content
Blog

As etapas de ENKI no Camiño

By 14/02/2020Febreiro 17th, 2020No Comments

Do 7 ao 13 de marzo terá lugar ENKI no Camiño, unha iniciativa subvencionada polo programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia que levará os valores de ENKI ao Camiño Francés e na que participan persoas con e sen diversidade funcional. O obxectivo: facer visible o deporte adaptado e superar xuntos o Camiño de Santiago.

7 etapas en bicicleta

Etapa 1: León – Astorga (sábado 7 de marzo)

Comezamos cunha etapa de 50 km e de dificultade baixa. É un percorrido fácil, tanto por lonxitude como por perfil. O páramo vaise suavizando cando o peregrino se achega a Astorga. Cruzar en bicicleta a ponte do Paso Honroso, a pesar do chan empedrado, probablemente se converta nun dos momentos especiais deste camiño.

Etapa 2: Astorga – Ponferrada (domingo 8 de marzo)

Comeza unha etapa máis dura, de 60 km. Pasamos das liñas rectas ao punto máis alto do Camiño Francés español. Prestaremos especial atención ao descenso e elixiremos asfalto para que se faga máis doada esta etapa. Iso si, a recompensa será gozar da cidade de Ponferrada e do seu castelo.

Etapa 3: Ponferrada – O Cebreiro (luns 9 de marzo)

Montaña na máxima expresión para entrar en Galicia. Son 50 km de percorrido que comeza cun primeiro tramo tranquilo. Convén reservar forzas para ascender ao Cebreiro. Desde a organización temos marcados dous puntos críticos (Liñares e Pasantes) para reforzar axuda e poder continuar o Camiño sen complicación. Entrar en Galicia vai compensar este esforzo.

Etapa 4: O Cebreiro – Sarria (martes 10 de marzo)

Esta etapa serán 40 km cun importante descenso ata Triacastela. Na entrada da vila desviámonos para non entrar no núcleo urbano. Entre Triacastela e San Cristovo do Real evitamos a estrada collendo sendeiros e pistas. Tamén temos marcado un punto crítico en Samos, a vila do famoso mosteiro, e Aguiada.

Etapa 5: Sarria – Palas de Rei (mércores 11 de marzo)

Temos por diante 47 km de percorrido. Comeza de forma suave pero, tras o plácido descenso ata Portomarín, chega o tramo máis difícil, con bastantes subidas. Temos marcados como puntos críticos a Serra e o Alto do Hospital. Pero non queda nada! Compostela está a dúas etapas!

Etapa 6: Palas de Rei – Monte do Gozo (xoves 12 de marzo)

Estamos xa na recta final do Camiño a Santiago. Son 62 km para chegar á derradeira parada de descanso: o Monte do Gozo. De toda a etapa, este ascenso será o máis complicado pero, chegados aquí, a ilusión non poderá con nós.

Etapa 7: Monte do Gozo – Santiago de Compostela (venres 13 de marzo)

Tan só 12 km nos separan do final: a entrada na Praza do Obradoiro. Será o momento moi emotivo desta bonita aventura. Demostraremos que con ilusión, deporte, espírito de superación e colaboración, todo é posible. Conseguiremos a Compostela!

Esta será tamén a etapa máis multitudinaria, na que se sumará un grupo máis grande para que poidamos realizar todos xuntos a entrada á Praza do Obradoiro e, así, facer aínda máis visible o deporte adaptado e sensibilizar sobre a diversidade funcional.

Dinámica de ENKI no Camiño

Todas as etapas terán como horario de saída as 9 horas, con chegada ás 16 horas aproximadamente, agás a última etapa desde o Monte do Gozo, máis curta, que sairá as 10 horas.

Ao longo do Camiño haberá dous grupos. Por unha parte,  deportistas con discapacidade, que farán as etapas completas en handbike, acompañados das persoas voluntarias en bicicleta. Por outra, un grupo de nenos e nenas con diversidade funcional e persoas non deportistas, que farán traxectos duns 15 quilómetros dentro da propia etapa, completando o percorrido en coche. Este segundo grupo estará sempre nas saídas e nas metas das etapas pero, para adaptarnos as súas necesidades e condicións físicas, farán etapas máis pequenas e accesibles.

Todas o grupo se reunirá para a súa chegada a meta e participará nas actividades de sensibilización programadas en cinco puntos do Camiño. Tamén buscaremos aloxamento xuntos, intentando que sexa o máis adaptado posible.

Como sumarse?

Podes formar parte do grupo ENKI no Camiño tanto se tes algunha discapacidade como se non, de forma individual ou con amigos. Tamén queremos facer partícipes a ás entidades sociais para que estean presentes nalgúns percorridos, sobre todo na etapa final para chegar ao Obradoiro.

As prazas para persoas con diversidade funcional que queiran facer o percorrido completo son limitadas, debido ao número de vehículos adaptados dos que dispoñemos na Fundación Abrente grazas á doazón feita polas Becas-Vamos Cola Cao.

Finalmente, precisamos persoas voluntarias, pois gustaríanos que cada deportista adaptado contase con dúas persoas de apoio. Anímaste a vivir o Camiño dunha forma diferente? Lembra que non tes que facer todas as etapas descritas (aínda que se queres obter a Compostela debes saír desde Sarria). Comeza no punto que prefiras e súmate!

Pídenos máis información en info@fundacionabrente.org.